Monday 29 de April de 2024

O Concello comeza os traballos de mellora de accesibilidade aos peiraos do porto na contorna da praza de Ourense


Ampliarase o carril bici e crearanse novas zonas verdes

O obxectivo do Goberno de Inés Rey é facilitar o acceso da cidadanía aos peiraos, dentro do plan de apertura do porto

O Concello da Coruña comeza este mércores 2 de novembro os traballos de mellora da accesibilidade e de creación dun carril bici na contorna dos peiraos do porto interior da cidade, ao seu paso pola sede da Delegación do Goberno en Galicia. O obxectivo desta actuación promovida polo Goberno de Inés Rey é avanzar na apertura deste espazo á cidadanía, facilitando o acceso peonil e mellorando e potenciando a calidade urbana na zona.

A actuación faise en colaboración coa Autoridade Portuaria, unha vez esta entidade rematou a derruba do edificio da cantina. A obra suporá a redistribución do espazo no cruzamento coa avenida do Porto. Isto permitirá a ampliación do carril bici procedente de Linares Rivas, que conectará co que existe nos Cantóns ao seu paso polos xardíns de Méndez Núñez. Na actualidade esta zona é de uso compartido con bicicletas con preferencia peonil.

Os traballos consistirán tamén na replantación das árbores e demais zonas verdes existentes neste espazo en novos puntos para facilitar o tránsito peonil e ciclable. Ademais, crearase unha ringleira vexetal para separar o carril bici da calzada.

Está previsto que esta actuación quede rematada durante as primeiras semanas do mes de decembro. O seu orzamento supera os 50.000 euros. O Goberno de Inés Rey dá, deste xeito, un novo paso na súa estratexia de abrir os peiraos á cidadanía e facelos máis accesibles para todas as persoas.